El País: Suso del Toro. 2009

INICIO > ARTIGOS > El País: Suso del Toro. 2009

El País 2009

JOSÉ SUÁREZ EN CALQUERA LUGAR DO MUNDO.

        A fotografía é o oficio máis perigoso, sospeitosamente perto da maxia escura. De inadaptados que prefiren crear imaxes, non lles basta a realidade que teñen diante ou non gostan dela.

   En Allariz no verán de 1916 José, o segundo fillo do señor Suárez, o procurador, está entusiasmado coa fotografía, a falta dunha cámara propia aínda compón cámaras estenopeicas con caixas de cartón e logo revela a foto nun recuncho da casa familiar. Pídelle á súa irmá Luisa que madrugue canda el para quitar fotografías ao axexo, “ves esa arañeira con pingas do resío da mañá? Ponte detrás e terma deste pano negro para que a poida retratar ao contraste”.O rapaz descobre na vida tesouros agochados.

       Aquel rapaz é ese home vencido que leva sempre canda si unha carta que comeza “A quienes de algún modo alcancen las molestias que ocasione mi muerte: ante todo, perdón por ocasionárselas.”? Este home derrotado que se tira a vida o catro de Xaneiro de 1974 nun cuarto de hotel da Guarda. Non é o arco dunha vida, é unha liña crebada, partida, a dun espíritu libre nunha época na que o mundo e a historia non tiñan límites cunha xuventude  chea de afouteza e de inocencia salvaxe.

    Publica fotos como afeccionado, estampas folklóricas, a Festa do Boi en Allariz en “Vida Gallega”. José marcha a Salamanca estudar Dereito no 1918, na estadía nesa cidade neses anos de estudos confórmase definitivamente o home que partirá pola vida facer unhas fotografías extraordinarias e cara o seu fracaso.  Membro da FUDE, organización de estudantes de esquerdas, traga a bocados o espírito dunha época na que dous mestres exercían consciente e enérxicamente o seu maxisterio sobre a mocedade intelectual española, Ortega y Gasset e Unamuno. Eles marcaron intelectualmente ese século español (porén o pensamento que trascende o tempo até nós é o da discípula, María Zambrano). Suárez entra na tertulia de Unamuno, as tertulias eran tanto lugares de aprendizaxe socrática como  células de propaganda de ideas e axitación. Ademais de acabar de conformar o carácter na ética e estética graves do vello profesor, le as revistas que marcan a actualidade intelectual, “El Espectador” e “La Revista de Occidente”. Coñece a arte das vangardas e dá forma a unha estética persoal, aúna as estéticas do vangardismo ruso, a “nova obxectividade”, a ollada humanista dos fotógrafos norteamericanos dos anos trinta. Preguntado nunha ocasión por qué cousa fotografiaría se puidese ir á lúa, contestou, “Nada. Non fago fotos onde non apareza o home.”

        Casa en Salamanca con Mari Mirat e exerce a avogacía para o Concello e pasa a traballar de fotógrafo. Para o Concello realiza unha serie de 50 fotos da vida da cidade que edita en libro onde Unamuno encontra  “momentos fugitivos en que el paisaje muestra lo más hondo de su alma”. Cousa semellante ao “momento decisivo” de Cartier Brensson, mais no mestre salmantino está esa“alma” que é como un degoxo de espiritualidade e que moitos anos máis tarde reaparece na boca de Suárez cando, en conversa co magnífico Lois Tobío, di: “á fotografía hai que buscarlle a alma”. Desa época é o retrato de Unamuno sentado frente ao Tormes que lle deu sona.

     Fotógrafo recoñecido, espuxo a obra en Madrid e París e no ano 36 a productora cinematográfica “Cifesa” encárgalle un filme documental sobre os mariñeiros. Vai ser unha experiencia que o marcará. José namórase  da alma mariñeira. Empeza a rodar “Mariñeiros”, acompañando a reportaxe cinematográfica coas súas fotografías, mais golpe e a guerra varreron con todo, antes de que poida estrear o filme enteirase de que os fascistas veñen por el e foxe por Lisboa, co pintor Colmeiro, cara Arxentina. Atrás ficou a súa dona, a coidar da nai doente, unha ruptura coa que lle envenenará a vida toda. Aquel filme está extraviado e para nós “Mariñeiros”  é esa espléndida serie de fotos quitadas a mariñeiros e pescas de Rianxo e Aldán. A ollada de Suárez sobre esas persoas é fascinada, no curso da vida mundo adiante nunca deixará de falar con admiración dos mariñeiros galegos.

      Na Arxentina fai cinema e traballa como fotógrafo para “La Prensa”, nesa estadía relaciónase con exilados republicanos. Co Luis Seoane, Núñez Búa, José Bergamín, Lois Tobío, Pérez de Ayala, Casona, Díaz Pardo, Alberti…. E nas pistas de esquí de El Portillo en Chile, fillo á fin dunha xeración que rendía culto ao “sport”, descobre a neve. A pureza da neve nas fotos do libro “Nieve en la cordillera” homenaxeado na revista norteamericana “West Camara” en 1952. Colabora con “Life” e outras revistas.

     Cruza o Río de la Plata para a ribeira uruguaia, a Punta del Este, onde veranea a burguesía porteña e onde abre unha librería, “El Yelmo de Mambrino”. Retrata aos protagonistas do elitista veraneo, parte dese mundo e ao tempo inadaptado, confésalle a Pérez de Ayala; aquela busca espiritual de “alma” lévao ao Xapón como correspondente de “La Prensa” de Buenos Aires e de “El Día” de Montevideo. Logo de tres anos volta, Tobío encontra a súa casa “convertida nunha casa xaponesa. Coa campaíña na entrada, cunha pociña pequena con flores. Todo con eses papeis…, unha casa xaponesa”. Preguntoulle por qué. “Para o sosego”, contestoulle. Non o tiña.  Logo dunha tempada, na que traduciu teatro Noh xaponés ao castelán, marchou de volta para Galiza no ano 59. “O erro foi voltar”, di Tobío, “porque a España desa época non era para el. Se tivese volto dez anos despois  sería outra cousa.” Aquel inadaptado non podía acomodarse a aquel mundo oprimido e opresivo no que dominaban os “imbéciles”, “impertinentes”, “pedantes” e que non o podía comprender.

     Fotografa novamente na Galiza do mar e do campo, Santiago. Viaxa a Inglaterra, a Grecia, volta a Madrid. En 1965 vai a La Mancha procurar coa cámara o que Unamuno xa procurara en “Vida de Don Quijote y Sancho. “Buscaba ao Quixote e nada máis atopaba Sanchos”, contará el despois. Con todo, esculcou con tanta ansia naquela paisaxe que nesas fotos os muiños semellan feitos da neve amada. A reportaxe ten recoñecemento e ofrécenlle outra sobre as corridas de touros. retrata a tauromaquia en “The Life and Death of the Fighting Bull”, sen entender de touros comprende o que ten diante e móstrao.

    Aínda fai unha última e breve visita ao seu querido Xapón, logo hospédase en Ourense no Hotel Río Miño, en kimono no seu cuarto. Xa non fai fotos, deambula, vai ao cine, asiste a unha tertulia. Inadaptado. Hipocondríaco sen sosego, cargando unha carta de despedida, fai un primeiro ensaio de suicidio que prefigura o definitivo uns anos máis tarde. Frente ao océano, na desembocadura dese río Miño. Os montes de Oshima tan lonxe.